Propostas Políticas


PROPOSTAS POLITICAS

1. Por que Compromiso por Galicia

O noso proxecto nace nun contexto no que as organizacións políticas existentes en Galicia, nin dende as institucións nin dende a oposición, son quen a dar resposta ás necesidades sociais e as inquedanzas políticas da cidadanía. Os partidos estatais demostraron a súa escasa capacidade e disposición para defender os intereses galegos.

O Partido Popular atópase en plena deriva centralista e dereitista, mentres que o PSdG/PSOE mostrouse incapaz de artellar un proxecto autónomo para Galicia. Ambos os dous partidos están fondamente involucrados na dexeneración do sistema político español e no impulso dun modelo socioeconómico fundado na especulación financeira e inmobiliaria e mais no endebedamento masivo e o diñeiro fácil, que se revelou como unha inmensa fraude. Ultimamente, tanto o un coma o outro veñen defendendo saídas desastrosas á crise, conducentes a un continuo deterioro da economía e contrarias aos intereses das maiorías sociais.

Por outra banda, unha parte das forzas nacionalistas está gravemente lastrada por unha cultura política inmobilista, ancorada nunha visión da sociedade profundamente desaxeitada e contaminada polos vicios que corroen os grandes partidos estatais (como a burocratización e profesionalización dos políticos e da política). Así, non foi quen de centrar os seus obxectivos no pulo da construción nacional e das políticas favorables á maioría do país, apoiándose na súa presenza institucional e na súa xestión de goberno. Como consecuencia, o electorado galego non considerou as alternativas nacionalistas como opcións reais de poder, especialmente de cara á Xunta de Galicia. O PSdG/PSOE e o BNG tiveron serias dificultades para presentar unha alternativa sólida para gobernar o noso país, por falta dun proxecto estratéxico, individual ou compartido, para a autonomía de Galicia, salvo precisamente no período do goberno de coalición da Xunta (e isto con fortes resistencias e atrancos dentro de cada un dos partidos).

O nacionalismo galego debe superar marcos ideolóxicos, análises da realidade, fórmulas organizativas, discursos e modos de actuación obsoletos, experimentados ata a saciedade nas pasadas décadas e comprobados como inservibles. O noso país precisa dunha forza política soberana, non dependente de instancias alleas, que asuma como tarefa prioritaria a construción nacional de Galicia en clave inequivocamente democrática e progresista. Unha forza galeguista e transformadora, capaz de ofrecer dende a esquerda respostas eficaces ás necesidades do noso pobo, solucións á altura dos gravísimos desafíos actuais, propostas que creen un horizonte de futuro prometedor e que nos axuden a saír do marasmo en que está mergullado o noso país.

 2. A definición ideolóxica de Compromiso por Galicia:
galeguismo, progresismo e socialdemocracia renovada


Da consciencia desa urxente necesidade nace Compromiso por Galicia, unha organización política que se declara como galeguista, progresista e socialdemócrata, de base plural, comprometida coa xustiza e a igualdade, que se marca como obxectivos principais a defensa dos intereses colectivos de Galicia, da súa identidade e dos seus dereitos, así como a transformación da súa realidade económica, social e cultural, para conseguir o desenvolvemento integral do noso pobo.

- Galeguista ou, o que é o mesmo, nacionalista cívica, porque sostemos que Galicia é unha nación cunha identidade, unha cultura e unha lingua de seu, pero tamén cuns intereses económicos e políticos específicos. A principal razón de ser de Compromiso por Galicia é defender os intereses do país no seu conxunto, traballando para transformar a súa realidade nas súas distintas facetas, co obxectivo de acadar as maiores cotas de igualdade, liberdade e prosperidade para a súa cidadanía, valorizando e promovendo os seus principais sinais de identidade: o noso idioma e a nosa cultura nas súas ricas e orixinais manifestacións cultivadas e populares –tanto tradicionais coma contemporáneas–, o noso territorio espoliado, o noso medio ambiente e as nosas paisaxes brutalmente agredidos, o noso desleixado patrimonio artístico-monumental, a memoria da nosa historia e a promoción de formas de expresión diferenciais que constrúan a nosa identidade presente e futura, en permanente diálogo co noso tempo, sabendo conxugar tradición e vangarda.

Compromiso por Galicia funde as súas raíces ideolóxicas e culturais no galeguismo democrático e universalista que durante a IIª República impulsou a autonomía, defendeu o país, cun regueiro de mártires, fronte ao fascismo, e resistiu contra a ditadura franquista mantendo vivo o facho da nosa cultura tanto no interior coma no exilio e a emigración. Tamén nos consideramos continuación do nacionalismo que pulou desde a transición política pola conquista das liberdades e a ampliación da democracia, pola defensa dos intereses populares, pola reivindicación do idioma e a cultura galegas, pola autoorganización do noso pobo e polo autogoberno da nosa nación.

O galeguismo histórico esforzouse desde os seus inicios por colocarse á altura do seu tempo, situándose no primeiro posto en defensa do noso pobo e a prol da salvagarda das liberdades e da difusión da cultura. A ampla e fonda inspiración progresista que moveu os nosos precursores –desde Rosalía de Castro e Manuel Murguía ata Castelao, desde Curros Enríquez a Alexandre Bóveda, de Alfredo Brañas a Ramón Otero Pedrayo, e desde estes a Ramón Piñeiro, Luís Seoane, Francisco Fernández del Riego ou Avelino Pousa Antelo–, para responder desde Galicia e en galego aos desafíos do seu tempo é substancialmente a mesma que nos move a nós hoxe, cun interese especial pola actualización dun pensamento e dunha produción cultural galegos que, sen esquecermos o proceso de construción dunha identidade propia, respondan ás inquedanzas das novas xeracións que xa definen Galicia desde perspectivas renovadas e acordes co cambiante mundo actual.
Compromiso por Galicia porá o seu empeño en que o sentimento de pertenza a un país diferenciado, a unha nación, sexa libremente asumido por unha ampla maioría da nosa sociedade, ao tempo que acepta como propia a ricaz pluralidade desta, sen pretender postularse como propietaria ou custodia dunhas presuntas esencias patrias. Somos conscientes de que para sermos nación feita e dereita cómpre o recoñecemento e a adhesión voluntaria ao proceso de construción nacional da maioría da cidadanía e que iso implica pola nosa banda que o nacionalismo acepte como unha riqueza a diversidade irredutible dun corpo social heteroxéneo e complexo. Consideramos como un desafío propio transformar o evidente sentimento de galeguidade, o galeguismo difuso arraizado na cidadanía, en galeguismo político e operativo, isto é, en nacionalismo cívico.

Compromiso por Galicia considera a defensa e a promoción da cultura e da lingua galega, a loita pola súa completa normalización desde unha perspectiva aberta, convivencial e integradora, como uns dos seus principais desafíos e máis sobranceiros sinais de identidade, do mesmo xeito que a cultura e o propio idioma o son do pobo galego.

Neste sentido, e seguindo a tradición histórica do Partido Galeguista, Compromiso por Galicia procurará afondar no relacionamento cos países da Lusofonía, con quen compartimos as raíces lingüísticas e culturais. Mais non o fará só a nivel retórico. Aspiramos a que ese relacionamento sirva tamén para aprofundar na xeración de riqueza e aumento do benestar da cidadanía galega. Para iso promocionaremos de forma seria e sistemática os intercambios económicos, tanto a través do comercio de produtos de consumo material, como dun relacionamento cultural que permita que gocemos da produción cultural portuguesa, brasileira e dos países africanos. Mais queremos que eses países tamén sexan receptores da nosa produción cultural, quer musical, quer literaria, quer teatral ou de calquera outro tipo, xerando beneficios económicos para o noso país. Nese sentido vemos como indispensable iniciar dun xeito decidido a promoción do ensino da lingua portuguesa no ensino primario e secundario e a recepción dos canais portugueses como primeiros pasos nese camiño.

- Socialdemócrata e progresista, comprometida coa xustiza e a igualdade, porque Compromiso por Galicia se sente parte e continuador das correntes que con orixes e inspiracións diversas favoreceron o progreso económico en Europa e no mundo con altas cotas de igualdade e inclusión social, en plena sintonía coa liberdade individual e colectiva e cos avances democráticos e de emancipación social e de xénero. Correntes que van dende o socialismo integrador no sentido da xustiza social ao liberalismo progresista no sentido das liberdades e os dereitos persoais, e abranxen o humanismo e os movementos de emancipación nacional, o sindicalismo, o feminismo, o ecoloxismo, as mobilizacións contra a discriminación racial, polos dereitos civís, a favor das minorías e a prol da igualdade.

Defendemos un modelo económico e social no que o conxunto da sociedade, en plena liberdade e sen exclusións, teña acceso en condicións de igualdade a uns servizos básicos, universais, públicos e de calidade e poida corresponsabilizarse da súa xestión mediante un sistema de participación de redes cidadáns na administración pública. Así mesmo, propugnamos a igualdade entre os xéneros, a sustentabilidade ecolóxica, o pacifismo, a solidariedade internacional e os dereitos humanos e dos pobos.

A crise en que viven boa parte dos partidos europeos de definición socialdemócrata e progresista procede do abandono dos que foran eixos fundamentais da súa acción política, tales como a necesidade de regulación dos mercados (en particular dos financeiros) por parte dos poderes públicos, o valor social e redistributivo das políticas fiscais progresivas ou o papel estabilizador dos orzamentos. Cómpre por tanto recuperar principios esenciais do vello modelo social europeo que, máis que seren obsoletos, foron esquecidos nas últimas décadas. Cómpre escoitar, analizar e debater para, posteriormente, ofertar as propostas encamiñadas a procurar o mellor para o noso País e o ben común dos que nel vivimos, veñan de onde viñeren, sen deixarnos atrapallar por preconceptos.

Mais tamén somos conscientes que as formulacións socialdemócratas clásicas deben ser convenientemente actualizadas en varias vertentes. En primeiro lugar, debemos ter en conta que as relacións económicas e sociais na actualidade distan moito da que caracterizaron o período de posguerra no século XX. As mudanzas na estrutura produtiva deron lugar a novos grupos sociais e profesionais que rachan coas vellas dicotomías e requiren respostas acaídas dende o punto de vista político.

Cómpre actualizar as funcións clásicas dos poderes públicos, a estabilización económica, a redistribución da renda e a provisión dos servizos públicos, incorporando os novos retos enerxéticos e medioambientais. O aforro enerxético e a promoción de enerxías limpas son na actualidade desafíos de carácter estratéxico. Pero, ademais, os retos e as posibilidades do cambio tecnolóxico e as súas aplicacións requiren respostas para o conxunto das sociedades, capaces de modificar as condicións sociais, laborais e ambientais a prol da maioría.
En segundo lugar, cada día é máis evidente a necesidade de poñer límites ao crecemento económico dende unha perspectiva de sustentabilidade medioambiental e social. As políticas que acrediten en valores humanistas e democráticos teñen a obriga de poñer o foco de atención nos efectos dunha economía global baseada nun crecemento sen límites sobre un mundo que si ten límites. E facelo mirando non unicamente aos problemas de esgotamento e destrución dos recursos ambientais, senón tamén aos problemas socias e morais que se derivan da mesma: desigualdades sociais, desequilibrios norte-sur, deslocalización, deshumanización das relacións laborais, exterminio de pobos, guerras…

Cómpre tamén dende o ámbito público, e dende a esfera de influencia dos partidos políticos, alentar iniciativas cidadáns e políticas de compromiso con proxectos de economía social que promovan modelos de economía alternativa e do ben común: educación ambiental, comercio xusto, banca solidaria, cooperativismo empresarial e de consumidores, relocalización, agricultura ecolóxica, ou calquera outra que se oriente á prevención do deterioro do planeta, a diminución da pegada ecolóxica das accións humanas e a conseguir sociedades máis humanas, solidarias, xustas e felices.

Por parte, os partidos socialdemócratas e progresistas pagaron e seguen a pagar a burocratización das súas estruturas organizativas e o hermetismo das mesmas diante da sociedade. Por iso é necesario abrir as estruturas partidarias á cidadanía, mudar e innovar nas maneiras de participar nas decisións das organizacións políticas e apostar en definitiva pola rexeneración democrática na práctica política e institucional. Nun contexto de profundísimas mutacións de todo tipo que nos apuxan a un escenario radicalmente inédito, nun momento de crise e desconcerto xeral provocados pola obsolescencia dos vellos paradigmas ideolóxicos e a superación dos esquemas políticos tradicionais, admitimos que non temos respostas definitivas nin podemos prometer receitas máxicas. Somos conscientes, iso si, de que nin o regreso a fórmulas do pasado nin a reafirmación de antigas certezas constitúen saídas acaídas. Comprometémonos, pois, a procurar novas propostas, á altura dos enormes retos do noso tempo. Temos a convicción de que as propostas para achegarnos aos nosos ideais só poden saír do contraste de ideas, do diálogo respectuoso e aberto, dunha síntese entre as distintas correntes progresistas e coa achega de novas visións, impulsando experiencias inéditas e en dialéctica constante coa realidade social en que estamos mergullados.

Xa que logo, propoñémonos asumir o valor da nosa propia diversidade para convertela en fonte de enerxía renovadora. Iso esixe manter, tanto dentro na nosa organización como cara a fóra, un talante depurado de preconceptos, decote disposto á colaboración e á indagación, nun ambiente de discusión libre e cooperativa, refugando o dogmatismo, rexeitando o doutrinarismo e ao mesmo tempo evitando a caída nun ideoloxismo esterilizante.

A saúde democrática dun país tamén depende da capacidade de participación e mobilización da súa sociedade; por iso cómpre un diálogo fluído entre as organizacións políticas e os axentes e movementos sociais. É por iso que Compromiso por Galicia quere constituírse nun laboratorio de ideas, de propostas e de experiencias útiles para o presente e para o futuro, sempre pensando nos intereses da maioría. Ante unha sociedade fragmentada, insolidaria e en descomposición, en que os individuos se atopan illados e moitas veces desprotexidos, traballaremos pola emerxencia de suxeitos individuais e colectivos que dende a conciencia e a vontade loiten por superar a polarización actual mediante unha actividade política transformadora e radicalmente democrática, para institucionalizar unha nova sociedade baseada no respecto dos dereitos fundamentais.

É por iso que propugnamos unha revolución tranquila, fundada en propostas, iniciativas e experiencias construtivas, capaces de suscitar asensos sociais maioritarios e que se orienten cara a unha efectiva transformación gradual e progresiva das condicións económicas, sociais e culturais do noso pobo, do conxunto do Estado español, de Europa e da humanidade. Xa que logo, Compromiso por Galicia proclámase como unha forza con decidida vocación transformadora, pois temos a certeza de que tanto a Galicia actual como o sistema político, económico e social vixentes esixen profundas reformas para avanzarmos cara a unha sociedade máis democrática, máis xusta, máis culta e máis próspera. Pero esas reformas só poderán realizarse conseguindo o apoio de amplos sectores sociais e con medios pacíficos e democráticos, a través da propostas políticas dirixidas á maioría.

Compromiso por Galicia acredita na confrontación libre dos proxectos como vía para converterse na forza política de referencia para a sociedade galega. Xa que logo, ten como obxectivo irrenunciable acadar o apoio da maioría social a través do convencemento dunha cidadanía madura e plural. Coa nosa práctica política e coas nosas propostas tentaremos conseguir que a ampla franxa galeguista e progresista da cidadanía galega considere o noso partido como un instrumento idóneo para acadar obxectivos colectivamente compartidos.

3. Os nosos piares estratéxicos: benestar, autogoberno, democracia, reformismo, iniciativa

Os obxectivos políticos prioritarios de Compromiso por Galicia enmárcanse en cinco grandes eixos: 
- A defensa e extensión do estado de benestar, das conquistas sociais e dos dereitos laborais que caracterizan as sociedades democráticas máis avanzadas do planeta. O estado debe crear as condicións para o benestar, fundado nunha sólida cohesión social e na igualdade real de oportunidades para todos os cidadáns e cidadás. Os piares do estado do benestar son un sistema educativo, unha sanidade e uns servizos sociais básicos, públicos e con cargo á Administración, de cobertura universal, isto é, ao alcance de todos e todas. O estado de benestar senta o marco idóneo para un desenvolvemento económico dinámico, equilibrado e equitativo, ao que pode colaborar e do que pode beneficiarse o conxunto da cidadanía.

- A promoción do ben común e da iniciativa individual. O desenvolvemento económico e a conseguinte xeración de riqueza son condicións indispensables para o sostemento do estado de benestar. Propugnamos un modelo baseado na iniciativa, no coñecemento e na creatividade, no que a economía estea ao servizo da maioría e do progreso integral das persoas, e non exclusivamente das elites privilexiadas.

O modelo económico e social que defendemos valorizará a iniciativa privada e a creatividade e promoverá os proxectos empresariais innovadores, orientados a producir riqueza e ao mesmo tempo responsables e respectuosos cos dereitos laborais, o territorio e o medio ambiente. Debemos escoitar a todas aquelas persoas con proxectos innovadores e crear as condicións para que poidan desenvolvelos no país. Cómpre sermos cómplices deste tipo de iniciativas para acadarmos así unha sociedade civil e un tecido produtivo máis dinámico, máis forte e máis responsable nos eidos social e medioambiental.

Apostamos pois por un modelo que asume os principios da economía social de mercado e da cooperación e que se orienta cara á sociedade do coñecemento e a innovación, pero que somete esta á regulación, fiscalización e ao control das institucións públicas, de maneira que a produción sexa posta ao servizo da satisfacción das necesidades básicas da sociedade, co obxectivo de facer extensible o benestar social ao conxunto da cidadanía. Nese sentido, apostaremos se for necesario pola reversión do control público directo dos grandes monopolios outrora privatizados como os referidos ao sector enerxético e outros.

- A afirmación e robustecemento do autogoberno de Galicia, co incremento da capacidade de decisión da cidadanía galega e o reforzamento das súas institucións autónomas, así como coa aproximación á cidadanía dos órganos políticos que tomas decisións e as institucións que as executan. Tanto a promoción dos intereses xerais do pobo galego coma a participación e o control democráticos estarán máis e mellor garantidos con institucións propias que sirvan de canle para o desenvolvemento pleno da personalidade e das potencialidades do noso país.

Para poder cumprir os obxectivos que Compromiso por Galicia pretende conseguir en beneficio das nosas xentes e da nosa terra, precisamos acadar as maiores cotas de autogoberno para o noso país. A demanda dos maiores niveis de competencias políticas, fiscais, económicas e financeiras, en definitiva de máis autogoberno, fúndase no convencemento de que este é sinónimo de máis riqueza e benestar para os cidadáns e cidadás. Entendemos a soberanía nacional como o noso obxectivo estratéxico, mais asumindo que o noso obxectivo inmediato é pular pola creación de identidade e ampliar a base social que se define como galeguista.

- A rexeneración democrática, fundada nunha cultura civil máis madura e responsable e unha maior esixencia ética no desempeño dos cargos públicos, e que implica proximidade, transparencia e control cidadán das institucións. A corrupción, o clientelismo, o favoritismo, ademais de seren radicalmente inxustos, danan seriamente o exercicio da democracia e constitúen gravísimos atrancos para o desenvolvemento económico e a igualdade social.

Como forza política nova e permeable ás demandas da cidadanía, Compromiso por Galicia comprométese firmemente coa rexeneración democrática e co impulso á participación cidadá na vida pública e na actividade política, asumindo como principios básicos a responsabilidade, a transparencia e a esixencia ética no desempeño de cargos públicos, un réxime estrito de incompatibilidades e a eliminación de privilexios para estes cargos, a limitación de mandatos tanto nos partidos coma nas institucións, as listas abertas e a celebración de eleccións primarias para a proclamación de candidatos/as ás alcaldías e á Presidencia da Xunta, abertas á participación de afiliados/as e simpatizantes e da poboación en xeral. Adoptamos tamén como obxectivo a medio prazo implantar a norma de Transparencia Internacional na que as medidas de transparencia e esixencia ética se trasladen e apliquen ao conxunto dos poderes públicos.

A cultura política que propugnamos fundarase no republicanismo: respecto polas leis, rectitude ética, responsabilidade individual, prioridade dos intereses colectivos, talante de colaboración, actitude construtiva e vontade participativa.

- O reformismo. A extensión do estado de benestar, o autogoberno, e a rexeneración democrática son piares todos eles que poñen de vulto a necesidade dunha visión reformista que cómpre propoñer en positivo e coa valentía suficiente. A día de hoxe existen dúas visións diferenciadas sobre o funcionamento da administración pública: por un lado, están as teorías ultraliberais e neoconservadoras, representadas e defendidas polo Partido Popular, que manipula as carencias organizativas e de xestión das administracións públicas como chibo expiatorio de todos os males. Porén, non toma ningunha medida para corrixir isto, senón que o utiliza como escusa e coartada para xustificar diante da cidadanía a privatización de servizos públicos básicos para entregárllelos a empresas afíns; por outra banda están os partidos de esquerda máis ortodoxos, que traballan baixo a premisa de que calquera crítica á pouca eficiencia, mala xestión ou falla de control na administración pública é un ataque orquestrado dende os poderes fácticos da dereita para acabar cos servizos públicos.

Compromiso por Galicia preséntase diante da sociedade como unha forza renovadora e transformadora, que defende radical e sinceramente os servizos públicos, e por iso, porque realmente nos importan, desexamos preservar a súa natureza pública pero sen renunciar a melloralos. Somos conscientes das eivas existentes a día de hoxe na estrutura, organización e xestión dos recursos públicos, por iso mesmo propoñemos definir procesos en forma de auditorías periódicas que nos permitan dotarnos dunhas administracións eficientes e áxiles, capaces de adaptárense aos cambios desta sociedade tan dinámica, que se poñan ao servizo das persoas e que deixe de ser, como ocorre en moitos casos, ferramentas inmobilistas e enferruxadas que xa non atenden á súa finalidade principal, que é servir á xente.

En definitiva, Compromiso por Galicia defende aplicar as reformas precisas que permitan reestruturar as administracións a todos os niveis co obxectivo de maximizar os recursos e apuntalar aqueles servizos imprescindibles para o estado de benestar, como son a sanidade e educación públicas e de calidade, así como a facilidade de acceso a unha vivenda digna.

4. Un novo modelo económico internacional 

O modelo de crecemento económico que sustentou o capitalismo financeiro occidental nos últimos decenios esta nunha crise sistémica que non ten recuperación posible. A pesar do ascenso dos países emerxentes como China, tampouco este modelo serve, xa que as súas bases sostéñense en manter uns baixos niveis de vida das poboacións locais, mesmo en condicións de sobreexplotación da súa poboación, nun consumismo depredador dos países occidentais, nunha acumulación sistemática de materias primas en poucas mans (un novo colonialismo) e mesmo de recursos esenciais para a supervivencia do planeta. En definitiva nin modelo especulativo financeiro occidental, nin “desarrollismo” depredador e inhumano oriental. Estes dous modelos poñen o mundo ao pé do precipicio.

Compromiso enmárcase nunha corrente política das organizacións que participan na necesidade de fundar unha nova orde económica mundial, baseada nos seguintes criterios: 
- Protección e intervención pública nos bens e servizos esenciais para a comunidade. A auga, o aire, os recursos naturais do subsolo e da biosfera, opoñéndonos á posibilidade de patentar a xenética e a composición dos recursos naturais, que deben ser patrimonio da humanidade. Todos estes bens deben ser protexidos e postos a disposición dunha economía social que os protexa da depredación. So así se garante a súa sustentabilidade e beneficio social. Non existirá economía sustentable sen intervención pública.

- Apoio decidido a políticas e modelos económicos que dean prioridade á busca do ben común sobre os beneficios privados e que poñan freo ou mesmo revertan o proceso de deterioro do planeta: impulso de medidas fronte ao cambio climático, aposta por políticas de promoción das enerxías limpas e de eficiencia enerxética, políticas de protección do medio natural xeradoras dunha nova cultura do territorio, promoción de medidas efectivas de uso e consumo de bens, políticas fiscais que premien as actividades económicas sostibles, fomento da educación en valores de cooperación, solidariedade e civismo.

- Confianza na iniciativa privada para afrontar os novos retos da actividade económica. A sociedade no seu conxunto e os individuos en particular deben recuperar o seu protagonismo na actividade económica. Esa debe ser a consigna, reapoderamento da sociedade civil, fronte as corporacións financeiras. O apoio ás persoas emprendedoras, ás pequenas e medianas empresas, aos nosos produtores e exportadores, en definitiva o apoio ao máis próximo para poder participar dunha economía globalizada.

- Intervención nos mercados financeiros internacionais establecendo controis e taxas ás transaccións financeiras, non só con fins recadatorios, se non tamén disuasorios, que impidan a especulación masiva e a malversación e depredación dos aforros e investimentos produtivos. Abordar unha política decidida de persecución a evasión fiscal, rematando coa existencia dos chamados paraísos fiscais.

- Reversión do empobrecemento de amplas capas da poboación en beneficio dunha minoría. Apostar por unha sociedade de ben común e máis igualitaria, revertendo a crecente tendencia ao reparto cada vez máis desequilibrado das rendas entre a elite privilexiada e o conxunto da sociedade.

- Procura dun novo modelo de relacións económicas internacionais. Nos últimos decenios as organizacións internacionais de comercio, estaban preocupadas en facilitar e minorar as barreiras comerciais entre os países, para lograr máis actividade comercial, impondo formulas que xeneralizaron os oligopolios e a deturpación da actividade de intercambio económico. Cómpre unha virada de 180 graos. Esas organizacións deben afianzar a calidade dese comercio, os tratos en pe de igualdade, a súa seguranza xurídica e o apoio e impulso dos países e economías máis febles. Deben perseguirse os incumprimentos flagrantes dos dereitos humanos no eido das relacións laborais en todos os países que forman parte da Organización Mundial co Comercio. Sen xustiza e solidariedade internacional non haberá paz entre os pobos e no planeta.

5. Outro lugar en España e outra Europa son posibles

Cara a un Estado confederal e plurinacional 
Reclamamos o recoñecemento do dereito do pobo galego a decidir libremente a relación que quere ter co Estado español que, en todo caso, non pode ser unha relación de subordinación, senón de igualdade. Xa que logo, é un obxectivo estratéxico de Compromiso por Galicia que Galicia sexa recoñecida plenamente como nación e en consecuencia que o Estado español asuma plenamente o seu carácter plurinacional, plurilingüe e pluricultural. Compromiso por Galicia traballará a prol da autodeterminación do noso pobo, entendida como dereito dos galegos e galegas a decidiren libremente o futuro do seu país.

Cómpre que España se vertebre como Estado confederal plurinacional, isto é, un estado asentado no recoñecemento da singularidade, da soberanía e do dereito ao autogoberno das distintas nacións que o conforman; un estado artellado mediante fórmulas federais e confederais que van esixir o total e irrestrito autogoberno de Galicia e das demais nacións no que atinxe á lingua, cultura, dereito, fiscalidade, xustiza e administración local. Isto vai esixir fórmulas de goberno con competencias compartidas, acorde tamén aos principios de racionalidade e eficiencia na xestión pública. Estamos certos que, deste xeito mellorará a convivencia e o recíproco coñecemento entre os distintos pobos españois. Asemade, entendemos que o réxime político máis acorde cos principios democráticos é a república.

Cara a unha nova Europa 
Galicia pertence por cultura, historia, dereito e mesmo polas súas estruturas económica e social á Europa. A Unión Europea, con todas as súas moitas e graves eivas é o ensaio máis serio de superar os enfrontamentos, crear un mercado común, impulsar a cooperación en todas as ordes e pór os alicerces para a unidade política de Europa. Porén, vivimos unha conxuntura de euroescepticismo, porque os políticos europeos non saben estar á altura dos retos do presente. Europa construíuse de xeito burocrático e desequilibrado, sen reparar nos obxectivos comúns, ao lor de presións partidistas, atendendo máis aos intereses das grandes corporacións ca aos da cidadanía, primando o poder do Banco Central Europeo sobre o das institucións europeas representativas, fomentando non tanto os espazos de colaboración e sinerxia entre estados como os da competencia entre estes.

Compromiso por Galicia declárase decididamente europeísta, pero fai unha valoración fondamente crítica do déficit democrático das institucións europeas e do papel que están xogando. A cidadanía europea ten moi escasas posibilidades de participación real e de exercicio dun verdadeiro control democrático sobre os principais organismos de goberno da Unión Europea, nomeadamente no eido económico e financeiro. Compromiso por Galicia aposta decididamente pola construción europea a través dos pobos que compoñen o vello continente e da democracia, que debe ser fin e medio da Unión.

A Unión Europea precisa dun pulo federal, da participación e da lexitimidade democrática, de pór ao servizo dos pobos europeos as institucións comúns, a Comisión e o Parlamento. Precisa dun Presidente elixido polo voto da cidadanía europea, dunha única política de defensa e dunha única diplomacia. Precisa dunha Facenda común dotada de máis recursos para desenvolver as súas políticas, da coordinación das políticas fiscais dos Estados e Gobernos territoriais e dun auténtico Banco Central Europeo suxeito ao control das Institucións europeas, sen prexuízo da súa autonomía de xestión, que garanta a viabilidade das emisións de débeda dos Estados e dos Gobernos territoriais. Europa precisa pór en marcha unha política común internacional e de seguranza, facendo valer os seus intereses conxuntos e promovendo os seu valores comúns: a paz, a democracia, os dereitos humanos, a cooperación internacional, a defensa do medio ambiente, o desenvolvemento igualitario.

Cremos nunha Unión Europea baseada na vontade común da cidadanía. E pensamos que os Estados hanlle ceder a esta Unión moitas das súas competencias. Mais pensamos, tamén, que os pobos, as rexións e as nacións sen Estado deben asumir un novo protagonismo. Galicia ten que deixarse oír directamente en Europa en defensa dos seus intereses, Galicia ten que participar na definición da política europea do Estado español. Somos europeos e cremos en máis e mellor Europa. Na Europa do progreso e da cohesión social, na Europa democrática e federal dos pobos e dos cidadáns e cidadás.



No hay comentarios:

Publicar un comentario